11/30/2012

MENORIAS DUN NENO LABREGO

Deixo o enlace para que poidades acceder a esta actividade interactiva sobre a obra de Neira Vilas que atoparedes no blog de Rexexer.com de Xano Cebreiro.

RUÍDO, RELATOS DE GUERRA


Deixo a UD elaborada por Román Landín para que poidades quitarlle partido á lectura de Ruído, de Miguel Anxo Murado.



PRADOLONGO

Abaixo tedes unha guia de interpretación e traballo da película de Rubén Riós, PRADOLONGO, feita por Luciano Fernandez.

11/29/2012

Taboleiro Dragaliño

Taboleiro Dragaliño by LoliCid
Taboleiro Dragaliño, a photo by LoliCid on Flickr.
Xa temos taboleiro!
Só precisades uns dados, aínda que con un é abondo, e unhas fichas. Sería ideal que conseguirades uns dragonciños de cores, senón creádeos con cartolina.
Podedes xogar en grupos de cinco ou a nivel de grande grupo se sodes poucos.

11/23/2012

A AMBIENTACIÓN EN DRAGAL II

 
Nesta novela a escritora fai que os personaxes se sintan abafados, desacougados e nerviosos pola incertidume que lles produce non saber que vai ocorrer (medo ao descoñecido) ou o tipo de atmosfera na que se moven. 
 
A néboa, a choiva, o frío, o continuo e monótono ruído da pinga, o fume, o po ou o bafo, entre outros, son elementos que lle permiten á autora dominar aos personaxes, que non poidan moverse con claridade, telos sometidos a unha presión que os empurra cara un único obxectivo, axudar a que se cumpra a profecía.

A sensación de presión, á cal non fica alleo o lector, recréase ao mesmo tempo con estruturas sintácticas paralelísticas e anafóricas (Ex.: “Por unha vez na súa milenaria existencia o dragón...” e “Por unha vez na súa milenaria existencia, Dragal...”, páxs. 41 e 43 ou “Frío, frío, frío...”, páxs. 83, 84, e 85); repeticións léxicas de termos como pedra, profecía, dragón, maxia, poder, segredo, cabaleiros, metamorfose, entre outras, ou coa insistente ladaíña que herdamos do primeiro libro e se reproduce en varias ocasións (Ex.: “Chegará o día en que o fillo do dragón recupere o poder arrebatado ao pai e libere as forzas telúricas. A profecía cumprirase na entrada do terceiro milenio, cando a terra premie o enviado outorgándolle as claves da Ciencia Secreta”).

Reparade nalgunhas das frases do libro:

“E para escorrentar aquel meigallo botou man á pía de auga bendita persignándose unha e outra vez...” 188
“O home volveu sobre os seus pasos deixando ás costas o eco daquela insistente pingueira que tardaría en sacar dos miolos.” (páx. 270).
“Mentres camiñaba polo carón da igrexa podía sentir, cravados nas costas, os ollos de todas e cada unha das imaxes que albergaba a parroquia” (páx. 203)
“O mundo visto a través do bafo que toldaba o vidro da súa fiestra seguía exactamente igual que unha semana atrás. Ou case.” (páx. 295)
“Unha feble corrente de ar anuncioulle unha presenza ás costas.” (páx. 238)
“A moza podía percibir perfectamente a forza da súa ollada cravada na caluga.” (páx. 238)
 

11/22/2012

UD DRAGAL II

Avanzamos na lectura da Metamorfose do dragón. Xa tedes na páxina de DRAGAL II deste blog as actividades sobre o libro.

  A TRABALLAR!!!

11/20/2012

A WEB DE DRAGAL

da web de Elena Gallego


Accede á web de Dragal e infórmate das novidades da triloxía do dragón que escribiu a xornalista Gallego Abad.

11/19/2012

DRAGAL II

Esta fin de semana deixei que Dragal invadira o meu tempo de lecer. Esta novela de ficción conta como un adolescente se rende ao poder dun forte dragón que pretende volver á vida.

Pero non todo é ficción. No trasfondo o pouso da historia de Galicia adoza esta historia facendo que os lectores reparen en diferentes acontecementos que marcan o noso pobo:

A historia do Apóstolo Santiago.
A historia da Raíña Lupa
A historia do primeiro dragón que se cita no Códice Calixtino

Mais non son os únicos elementos que enriquecen a historia. Tamén imos atopar na novela referencias astronónicas, como a de Ptoloméo. Dragal levaranos a un percorrido polo ceo con paradas nas constelacións da Osa Maior, da Osa Menor, de Perseo, de Casiopea, de Pegaso, de Cáncer, de Capricornio, de Orión, do planeta Venus e da Galaxia de Andrómeda.

Por outro lado achegámonos ao mundo da alquimia a través da Pedra Filosofal que descobre o francés Flamel e que na nosa novela será a "Roca Ígnea" e que para os Maias foi a "Obsidiana".

Toda esta sabedoría chega aos lectores e lectoras a través dunha prosa elegante que se engalana con diferentes recursos estilísticos que lle dan protagonismo ao texto cando o require. 

Resulta interesante o ambiente de desacougo, incertidume e abafo que consegue crear a escritora a través de diferentes elementos: a mesta néboa, a choiva, o fume espeso, a nube de po, o constante ruído da pinga ou a presión na caluga que senten os personaxes ("sentín a respiración/frío/bafo na caluga").

Paréceme unha novela interesante, cun ritmo lento na primeira parte e cun final completamente aberto que consegue enganchar ao lector/a para que comece de contado a ler o terceiro volume desta triloxía máxica.