12/24/2012

LENDO DRAGAL

Da web dragal.eu
A triloxía de Dragal é moito máis ca unha viaxe fantástica ao mundo dos dragóns e todos os poderes que a escritora lle quixo atribuír. 

Se fiamos máis fino podemos descubrir boa parte da historia de Galicia dende os primeiros séculos ata a Idade Media. Son moitos os elementos históricos, pero ben dosificados e sen relentizar a lectura,  que nos dan acceso a este coñecemento: os cabaleiros da Orde de Dragal (ou de Santiago), as orixes do reino Suevo e a adoración pagá a un ser máxico e todopoderoso: o dragón, a chegada do cristianismo e  da evanxelización (Martiño Dumio), a morte e traslado dos restos do Apóstolo Santiago, o papel da Raíña Lupa na historia de Santiago, asistimos a clases de alquimia, arquitectura, astronomía ou medicina e ficamos sorprendidos unha vez máis do papel decisivo que xogan as mulleres en moitos momentos importantes da nosa historia sen perder o fío da lectura. 

Hai algo especial neste libro que nos ten cativos, as ansias de saber máis cousas da historia de Dragal, pero tamén da nosa historia. A conto disto, penso que aínda podemos ler o libro cuns lentes diferentes e interpretar a homenaxe que a autora fai ao dragón, un ser diferente, que foi perseguido e dominado ata case facelo desaparecer, como unha metáfora da nosa cultura. Hoxe máis ca nunca a nosa marca de identidade cultural, a nosa lingua, fica perseguida en silencio. Esta é a ferramenta máis poderosa, o silencia, a indiferencia, en Galicia poucos defende o noso, ese algo especial que nos caracteriza. Unha vez máis ficamos sometidos e encadeados como Hadrián dentro do seu cuarto, sen forza para pronunciar palabra, sen alento nin enerxia para expresar o que sentimos. Parece que tiveramos a pel impregnada co zume da submisión milenaria que vivimos dende a Idade Media e da cal non acabamos de desprendernos. 

No libro fálase de como a igrexa intentou desfacerse de todos aqueles símbolos que caracterizaban a cultura pagá que os nosos antergos defendían, porque os crían seres diabólicos. Pero a pregunta é esta: credes que conseguiron liberarnos dese “inferno”, como di don Xurxo ao referirse ao templo de Dragal e ao subsolo? 

Eu creo que no noso mundo segue habendo seres diabólicos ou monstros, moito máis poderosos que os das lendas e sobre todo, máis reais e daniños para todos nós. 
Moita xente fica perdida no labirinto da vida, pero desta vez non hai ningún nobelo máxico nin ningún puñal máxico que nos axude a vencer á besta e saír do xogo de carreiros.

Persoalmente o final decepcionoume, debe ser porque fico decepcionada na vida por moitas cousas ou porque a mentira me produce indixestión e anoxo. Como permanecer inócuos ao veleno da falsidade, da arrogancia e da falta de sentimento da xente coa que te vas cruzando ou que tenta dirixir este país? Está difícil, e como anuncia Elena Gallego na súa novela un novo tempo é chegado ou como din os maias a fin dun mundo é chegado.

12/04/2012

11/30/2012

MENORIAS DUN NENO LABREGO

Deixo o enlace para que poidades acceder a esta actividade interactiva sobre a obra de Neira Vilas que atoparedes no blog de Rexexer.com de Xano Cebreiro.

RUÍDO, RELATOS DE GUERRA


Deixo a UD elaborada por Román Landín para que poidades quitarlle partido á lectura de Ruído, de Miguel Anxo Murado.



PRADOLONGO

Abaixo tedes unha guia de interpretación e traballo da película de Rubén Riós, PRADOLONGO, feita por Luciano Fernandez.

11/29/2012

Taboleiro Dragaliño

Taboleiro Dragaliño by LoliCid
Taboleiro Dragaliño, a photo by LoliCid on Flickr.
Xa temos taboleiro!
Só precisades uns dados, aínda que con un é abondo, e unhas fichas. Sería ideal que conseguirades uns dragonciños de cores, senón creádeos con cartolina.
Podedes xogar en grupos de cinco ou a nivel de grande grupo se sodes poucos.

11/23/2012

A AMBIENTACIÓN EN DRAGAL II

 
Nesta novela a escritora fai que os personaxes se sintan abafados, desacougados e nerviosos pola incertidume que lles produce non saber que vai ocorrer (medo ao descoñecido) ou o tipo de atmosfera na que se moven. 
 
A néboa, a choiva, o frío, o continuo e monótono ruído da pinga, o fume, o po ou o bafo, entre outros, son elementos que lle permiten á autora dominar aos personaxes, que non poidan moverse con claridade, telos sometidos a unha presión que os empurra cara un único obxectivo, axudar a que se cumpra a profecía.

A sensación de presión, á cal non fica alleo o lector, recréase ao mesmo tempo con estruturas sintácticas paralelísticas e anafóricas (Ex.: “Por unha vez na súa milenaria existencia o dragón...” e “Por unha vez na súa milenaria existencia, Dragal...”, páxs. 41 e 43 ou “Frío, frío, frío...”, páxs. 83, 84, e 85); repeticións léxicas de termos como pedra, profecía, dragón, maxia, poder, segredo, cabaleiros, metamorfose, entre outras, ou coa insistente ladaíña que herdamos do primeiro libro e se reproduce en varias ocasións (Ex.: Chegará o día en que o fillo do dragón recupere o poder arrebatado ao pai e libere as forzas telúricas. A profecía cumprirase na entrada do terceiro milenio, cando a terra premie o enviado outorgándolle as claves da Ciencia Secreta”).

Reparade nalgunhas das frases do libro:

E para escorrentar aquel meigallo botou man á pía de auga bendita persignándose unha e outra vez...” 188
O home volveu sobre os seus pasos deixando ás costas o eco daquela insistente pingueira que tardaría en sacar dos miolos.” (páx. 270).
Mentres camiñaba polo carón da igrexa podía sentir, cravados nas costas, os ollos de todas e cada unha das imaxes que albergaba a parroquia” (páx. 203)
O mundo visto a través do bafo que toldaba o vidro da súa fiestra seguía exactamente igual que unha semana atrás. Ou case.” (páx. 295)
Unha feble corrente de ar anuncioulle unha presenza ás costas.” (páx. 238)
A moza podía percibir perfectamente a forza da súa ollada cravada na caluga.” (páx. 238)
 

11/22/2012

UD DRAGAL II

Avanzamos na lectura da Metamorfose do dragón. Xa tedes na páxina de DRAGAL II deste blog as actividades sobre o libro.

  A TRABALLAR!!!

11/20/2012

A WEB DE DRAGAL

da web de Elena Gallego


Accede á web de Dragal e infórmate das novidades da triloxía do dragón que escribiu a xornalista Gallego Abad.

11/19/2012

DRAGAL II

Esta fin de semana deixei que Dragal invadira o meu tempo de lecer. Esta novela de ficción conta como un adolescente se rende ao poder dun forte dragón que pretende volver á vida.

Pero non todo é ficción. No trasfondo o pouso da historia de Galicia adoza esta historia facendo que os lectores reparen en diferentes acontecementos que marcan o noso pobo:

A historia do Apóstolo Santiago.
A historia da Raíña Lupa
A historia do primeiro dragón que se cita no Códice Calixtino

Mais non son os únicos elementos que enriquecen a historia. Tamén imos atopar na novela referencias astronónicas, como a de Ptoloméo. Dragal levaranos a un percorrido polo ceo con paradas nas constelacións da Osa Maior, da Osa Menor, de Perseo, de Casiopea, de Pegaso, de Cáncer, de Capricornio, de Orión, do planeta Venus e da Galaxia de Andrómeda.

Por outro lado achegámonos ao mundo da alquimia a través da Pedra Filosofal que descobre o francés Flamel e que na nosa novela será a "Roca Ígnea" e que para os Maias foi a "Obsidiana".

Toda esta sabedoría chega aos lectores e lectoras a través dunha prosa elegante que se engalana con diferentes recursos estilísticos que lle dan protagonismo ao texto cando o require. 

Resulta interesante o ambiente de desacougo, incertidume e abafo que consegue crear a escritora a través de diferentes elementos: a mesta néboa, a choiva, o fume espeso, a nube de po, o constante ruído da pinga ou a presión na caluga que senten os personaxes ("sentín a respiración/frío/bafo na caluga").

Paréceme unha novela interesante, cun ritmo lento na primeira parte e cun final completamente aberto que consegue enganchar ao lector/a para que comece de contado a ler o terceiro volume desta triloxía máxica.