11/19/2012

DRAGAL II

Esta fin de semana deixei que Dragal invadira o meu tempo de lecer. Esta novela de ficción conta como un adolescente se rende ao poder dun forte dragón que pretende volver á vida.

Pero non todo é ficción. No trasfondo o pouso da historia de Galicia adoza esta historia facendo que os lectores reparen en diferentes acontecementos que marcan o noso pobo:

A historia do Apóstolo Santiago.
A historia da Raíña Lupa
A historia do primeiro dragón que se cita no Códice Calixtino

Mais non son os únicos elementos que enriquecen a historia. Tamén imos atopar na novela referencias astronónicas, como a de Ptoloméo. Dragal levaranos a un percorrido polo ceo con paradas nas constelacións da Osa Maior, da Osa Menor, de Perseo, de Casiopea, de Pegaso, de Cáncer, de Capricornio, de Orión, do planeta Venus e da Galaxia de Andrómeda.

Por outro lado achegámonos ao mundo da alquimia a través da Pedra Filosofal que descobre o francés Flamel e que na nosa novela será a "Roca Ígnea" e que para os Maias foi a "Obsidiana".

Toda esta sabedoría chega aos lectores e lectoras a través dunha prosa elegante que se engalana con diferentes recursos estilísticos que lle dan protagonismo ao texto cando o require. 

Resulta interesante o ambiente de desacougo, incertidume e abafo que consegue crear a escritora a través de diferentes elementos: a mesta néboa, a choiva, o fume espeso, a nube de po, o constante ruído da pinga ou a presión na caluga que senten os personaxes ("sentín a respiración/frío/bafo na caluga").

Paréceme unha novela interesante, cun ritmo lento na primeira parte e cun final completamente aberto que consegue enganchar ao lector/a para que comece de contado a ler o terceiro volume desta triloxía máxica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario