8/25/2014

AGUSTÍN FERNANDEZ PAZ

Para poñer punto final ao verán que mellor que ler A VIAXE DE GAGARIN (preme para ir ao blogue do libro). Despois dun día apaixonante no Courel os meus ósos deron coa feira do libro de Monforte e como ía acompañada dunha persoíña que tiña moitas ganas de lelo, pensei por que non o merco para agasallalo no seu aniversario?

Teño que confesar que non vou aguantar para darlle o agasallo. Tampouco aguantei sen o ler. Aínda que pensei que Agustín toleara (" mira que  escribir cousas de astronautas") deixeime levar polo consello da libreira, “está moi ben”. Mais tamén me guiou a fraqueza cara a prosa do escritor. Pronto unha lapela que me parecía rara, pola foto, me deixou ao descuberto a alma do libro na que se agochaba o pouso da paixón do meu contador.

Outra vez a prosa engaiola a quen le. A historia do Miguel que medra no seo dunha familia que aparenta non ser do Partido Comunista (con ideais claros, con personalidade, intelixentes… vaia!) para non ser diferentes. Pero a fin da ditadura non foi diferente ao comezo e cada vez máis aproxímase a certos camiños da vida actual.  Igual ca os “rojos” como lles chamaban á familia de Miguel unha vez descuberta a estreita relación cos ideais do partido ao que estaban afiliados, vía hoxe no telexornal a carga policial contra un grupo de manifestantes en Santiago de Compostela. Uns e outros non están para nada de acordo coa dirección do mundo no que viven, que teima en afogarnos e silenciarnos. 

Vaia: “UNHA ESPLÉNDIDA DESOLACIÓN” : Buzz Aldrin

En nada, quedaranos, coma o Camarada Holmes, botarnos á clandestinidade para defender o noso país se non queremos ser sinalados e xulgados -hahahaha- Ou mellor aínda, aluar coma os astronautas. Dalgún xeito todos fuximos unha, outra e outra vez cara o universo exterior, sen lobos doentes, que buscan carnes novas coas que alimentarse. No entanto, de nada serve, como descobre Miguel na súa madurez, refuxiarse nun mundo sen compromisos, sen amor, sen paixóns, baleiro E SEN VIDA… onde só hai diñeiro, porque iso  non é vivir. Que llo digan a el, que coa perda de Francesca mergullouse  nese mundo gris e deixouse levar coma os máis!!!

Outras riquezas son as que se agochan no fondo de lecturas coma as de Agustín, que sempre che descobren outras lecturas, música, ou simplemente algún dato da historia que viviron as personaxes das súas historias: “UN LIBRO É UNHA ARMA CARGADA”. Non cabe dúbida. Sempre teño unha teima que me converte nunha “profe rara” segundo o meu alumnado. Insisto en que indaguen e consulten cada dato que lles chamou a atención ao rematar de ler, que reflexionen un chisco no porqué das cousas que citan os escritores, xa que normalmente non hai puntada sen fío!!

Grazas unha vez máis por facer da lectura unha illa perfecta na que refuxiarse. Aínda que os personaxes decubran momentos acedos da nosa histoira, Agustín sempre adoza esa historia cunha forma de contar e con motivos entrañables para quen le.

1/24/2014

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR



http://agustinfernandezpaz.eu/es/
Ler a Agustín é deixarse levar polos fíos do amor ata mergullarse de cheo na dozura da súa escrita. Cada paisaxe, cada personaxe e cada sentimento están descritos cun dominio da linguaxe literaria que fai que leas e volvas ler sen deixar de marabillarte. E que  te leva a sentir, que che  resucita sentimentos propios que ficaban acubillados no fondo do ser  e que  fai que  compartas os alleos, o dos personaxes, coma se estiveran impregnados na túa pel.

O tema do amor eterno reflíctense no gusto polo mito clásico de Ariadna. Os seus fíos conducen aos personaxes a unhas paixóns irreprimibles: imposible non  querer! Imposible non permanecer unidos cando o amor é tan forte, aínda que sexa no río da memoria! Parecemos destinados a amar e diso encárganse outros fíos, os que tecen as Parcas gregas,  encargadas de levarnos a cada un polo noso vieiro, aínda que moitas veces sexa o da desesperación, o do afastamento dese Amor, o da resignación ante a vida que nos tocou vivir ou mesmo o da morte.

Agustín fai nós cos fíos das vidas dos personaxes, quere xuntalos, máis son tan comúns os problemas das historias que lemos aquí que é imposible non deixarse levar cara vivencias persoais.

A lectura é unha paixón do noso autor e iso déixase ver en cada novela. Desta volta os homenaxeados van dende o autor do clásico conto de Rampunzel ata os poetas como Béquer, J. A. Valente, Neruda, entre outros, sen deixar de lado por suposto a novelistas coma Paul Auster ou John Steimbeck
Calquera momento é bo para  facer que o verme da lectura vaia rillando engordiño cada páxina dos froitos dos escritos de Fernández Paz.

Os momentos narrativos que máis me gustaron d`O único que queda é o amor e que releo a miúdo cando termo nas miñas mans este libro de relatos son os seguintes.

“O seu salario era elevado, si, podía mercar todo aquilo que se lle antollase. Agás o tempo (...) un tempo que cada día sentía fuxir como se as horas foses unhas desas bandadas de aves migratorias que atravesan o ceo rumbo ao sur. Eran moitas as horas que pasaba encerrada  na torre de cristal (...) aínda que , como a Rapunzel inmobilizada na torre, cada vez era maior o desexo de compartir a vida con alguén que tivese uns gustos semellantes e a liberase daquela condena que comezaba a se os seus días.” (páxs. 14-15)

Punto Cero, José Ángel Valente (páx. 20): “Se tu mi límite”

Tu cuerpo puede
llenar mi vida,
como puede tu risa
volar el muro opaco
 de la tristeza.
Una sola palabra tuya quiebra,
la ciega soledad en mil pedazos”

“Sara tratou de desenredar os fíos daquel misterio” (páx. 22)

“Desde o día anterior, unha alegría nova loitaba por abrirse paso dentro dela, malia saber que era unha sensación ridícula, sostida só por uns fíos ben febles” (páx. 23)

“Se cadra tamén chegou a hora de que eu corte de vez os fíos que me unen a Vilarelle” (páx. 45)

“Ha ser fermoso cómo as chamas queiman as palabras, cómo o fume e as faíscas se espallan ceo arriba, mentres as estrelas pasan sobre min co seu brillo efémero. Estrelas, palabras, fume: é o único que queda daquel amor distante que me abrasou o corazón nos meus anos adolescentes.” (páx. 46)

“Pero eran tempos fugaces, ou iso me parecía a min, coma se na vida os momentos felices só se presentasen en doses cativas que sempre nos saben a pouco.” (páx. 59)

“... En moitos lugares do camiño. A vida flúe ano tras ano a través del, coma un río secreto que alberga no seu leito a memoria dos peregrinos mortos. Pasos sobre pasos invisibles.” (páx. 72)

Punto cero, José Angel Valente (páx. 87)

“El amor está en lo que tendemos
(puentes, palabras)
El amor está en todo lo que izamos
(risas, banderas).
Y en lo que combatimos
(noche, vacío)
Por verdadero amor.”

“Alí atrás quedaba a súa infancia, afogada sen remedio no río do tempo. Agora comprendía que sempre deixamos unha parte da nosa vida nos lugares onde vivimos, abandonada neles coma eses farrapos de néboa que quedan enganchados entre as pólas das árbores cando o día vai abrindo e a brétema desaparece. E sentía tamén que por dentro  dela corría un río subterráneo, un río canalizado e oculto coma o regato do Campo Penedo. Unha canle de frío e sólido cemento, destinada a acoller todas as ilusións que o tempo se fora encargando de destruír.” (páx. 102)

“quen sabe se as fotos non eran o seu fío de Ariadna?” (páx. 126)
“...xa levaba máis dun mes gastado naquela procura obsesiva (...) decidiu que chegara o momento de aceptar a realidade, o momento de recoñecer que o azar tamén pode ser cruel e arrebatarnos ese fío de ilusión co que , ás veces, tentamos manter acesa a luz da nosa vida.” Páx. 128)

“Todos os paraísos teñen data de caducidade, aínda que daquela non o soubese.” (páx. 138).

“Desde o pasamento da avoa xa nada volveu ser igual. Ela parecía ser o fío que unía os catro irmáns.” (páx. 139).

“Tería que explicarlle que, ás veces, a morte non trae bágoas e tristeza canda ela. Hai ocasións en que tras o seu paso, o que nos deixa son imaxes felices que a memoria gardaba como un tesouro ignorado.” (páx. 145”)

“Todo comezou porque ela lera nun libro que unha persoa non morre definitivamente mentres alguén se lembre dela, que todos ficamos vivos dalgún xeito na memoria dos seres que nos quixeron.” (páx. 146)

“A memoria é traidora, vai e vén polos camiños que quere e xoga con nós sen que poidamos evitalo. Pero a imaxinación é máis fiel, podemos mandar nela ao noso antollo.” (páx. 161).


Despois de escribir estes anacos do corazón de O único que queda é o amor,  comprobo que  o paso do tempo (o tempus fugit da literatura clásica) é  un tema recorrente. A imaxe de Manrique dun río que se deixa levar cara a morte, cara o esquecemento, que garda no seu escuro leito recordos ilexibles que atormentan a uns personaxes que ao mesmo tempo precisan eses recordos para fuxir das súas vidas cotiás, porque sempre recordan momentos de felicidade.