Ler a Agustín é deixarse levar polos fíos do amor ata mergullarse de cheo
na dozura da súa escrita. Cada paisaxe, cada personaxe e cada sentimento están
descritos cun dominio da linguaxe literaria que fai que leas e volvas ler sen
deixar de marabillarte. E que te leva a
sentir, que che resucita sentimentos
propios que ficaban acubillados no fondo do ser
e que fai que compartas os alleos, o dos personaxes, coma
se estiveran impregnados na túa pel.
O tema do amor eterno reflíctense no gusto polo mito clásico de Ariadna. Os
seus fíos conducen aos personaxes a unhas paixóns irreprimibles: imposible
non querer! Imposible non permanecer
unidos cando o amor é tan forte, aínda que sexa no río da memoria! Parecemos
destinados a amar e diso encárganse outros fíos, os que tecen as Parcas
gregas, encargadas de levarnos a cada un
polo noso vieiro, aínda que moitas veces sexa o da desesperación, o do
afastamento dese Amor, o da resignación ante a vida que nos tocou vivir ou
mesmo o da morte.
Agustín fai nós cos fíos das vidas dos personaxes, quere xuntalos, máis son
tan comúns os problemas das historias que lemos aquí que é imposible non
deixarse levar cara vivencias persoais.
A lectura é unha paixón do noso autor e iso déixase ver en cada novela. Desta volta os homenaxeados van dende o autor do clásico conto de Rampunzel ata
os poetas como Béquer, J. A. Valente, Neruda, entre outros, sen deixar de lado
por suposto a novelistas coma Paul Auster ou John Steimbeck.
Calquera momento é
bo para facer que o verme da lectura
vaia rillando engordiño cada páxina dos froitos dos escritos de Fernández Paz.
Os momentos narrativos que máis me gustaron d`O único que queda é o amor e que releo a miúdo cando termo nas
miñas mans este libro de relatos son os seguintes.
“O seu salario era elevado, si, podía mercar todo aquilo que se lle
antollase. Agás o tempo (...) un tempo que cada día sentía fuxir como se as
horas foses unhas desas bandadas de aves migratorias que atravesan o ceo rumbo
ao sur. Eran moitas as horas que pasaba encerrada na torre de cristal (...) aínda que , como a
Rapunzel inmobilizada na torre, cada vez era maior o desexo de compartir a vida
con alguén que tivese uns gustos semellantes e a liberase daquela condena que
comezaba a se os seus días.” (páxs. 14-15)
Punto Cero, José Ángel Valente (páx. 20): “Se tu mi límite”
“Tu cuerpo puede
llenar mi vida,
como puede tu risa
volar el muro opaco
de la tristeza.
Una sola palabra tuya quiebra,
la ciega soledad en mil pedazos”
“Sara tratou de desenredar os fíos daquel misterio” (páx. 22)
“Desde o día anterior, unha alegría nova loitaba por abrirse paso dentro
dela, malia saber que era unha sensación ridícula, sostida só por uns fíos ben
febles” (páx. 23)
“Se cadra tamén chegou a hora de que eu corte de vez os fíos que me unen a
Vilarelle” (páx. 45)
“Ha ser fermoso cómo as chamas queiman as palabras, cómo o fume e as
faíscas se espallan ceo arriba, mentres as estrelas pasan sobre min co seu
brillo efémero. Estrelas, palabras, fume: é o único que queda daquel amor
distante que me abrasou o corazón nos meus anos adolescentes.” (páx. 46)
“Pero eran tempos fugaces, ou iso me parecía a min, coma se na vida os
momentos felices só se presentasen en doses cativas que sempre nos saben a
pouco.” (páx. 59)
“... En moitos lugares do camiño. A vida flúe ano tras ano a través del,
coma un río secreto que alberga no seu leito a memoria dos peregrinos mortos.
Pasos sobre pasos invisibles.” (páx. 72)
Punto cero, José Angel Valente (páx. 87)
“El amor está en lo que tendemos
(puentes, palabras)
El amor está en todo lo que izamos
(risas, banderas).
Y en lo que combatimos
(noche, vacío)
Por verdadero amor.”
“Alí atrás quedaba a súa infancia, afogada sen remedio no río do tempo.
Agora comprendía que sempre deixamos unha parte da nosa vida nos lugares onde
vivimos, abandonada neles coma eses farrapos de néboa que quedan enganchados
entre as pólas das árbores cando o día vai abrindo e a brétema desaparece. E
sentía tamén que por dentro dela corría
un río subterráneo, un río canalizado e oculto coma o regato do Campo Penedo.
Unha canle de frío e sólido cemento, destinada a acoller todas as ilusións que
o tempo se fora encargando de destruír.” (páx. 102)
“quen sabe se as fotos non eran o seu fío de Ariadna?” (páx. 126)
“...xa levaba máis dun mes gastado naquela procura obsesiva (...) decidiu
que chegara o momento de aceptar a realidade, o momento de recoñecer que o azar
tamén pode ser cruel e arrebatarnos ese fío de ilusión co que , ás veces,
tentamos manter acesa a luz da nosa vida.” Páx. 128)
“Todos os paraísos teñen data de caducidade, aínda que daquela non o
soubese.” (páx. 138).
“Desde o pasamento da avoa xa nada volveu ser igual. Ela parecía ser o fío
que unía os catro irmáns.” (páx. 139).
“Tería que explicarlle que, ás veces, a morte non trae bágoas e tristeza
canda ela. Hai ocasións en que tras o seu paso, o que nos deixa son imaxes
felices que a memoria gardaba como un tesouro ignorado.” (páx. 145”)
“Todo comezou porque ela lera nun libro que unha persoa non morre
definitivamente mentres alguén se lembre dela, que todos ficamos vivos dalgún
xeito na memoria dos seres que nos quixeron.” (páx. 146)
“A memoria é traidora, vai e vén polos camiños que quere e xoga con nós sen
que poidamos evitalo. Pero a imaxinación é máis fiel, podemos mandar nela ao
noso antollo.” (páx. 161).
Despois de escribir estes anacos do corazón de O único que queda é o amor, comprobo que
o paso do tempo (o tempus fugit da literatura clásica) é un tema recorrente. A imaxe de Manrique dun río que se
deixa levar cara a morte, cara o esquecemento, que garda no seu escuro leito
recordos ilexibles que atormentan a uns personaxes que ao mesmo tempo precisan eses
recordos para fuxir das súas vidas cotiás, porque sempre recordan momentos de
felicidade.